Terremoto en Sumatra Unha vez máis a terra volveu tremer con forza en Sumatra, e, unha vez máis, unha poboación que vive nun estado de abandono e pobreza ve que os seus sufrimentos só fan aumentar. Os terremotos non se poden evitar, son unha consecuencia da vitalidade do noso planeta, das poderosas correntes convectivas que moven as placas nas que se divide a codia terrestre e fan que choquen entre elas. Se non houbese terremotos querería dicir que o noso planeta estaría morto. O que si podemos evitar é que a poboación sufra desmedidamente. Terremotos de igual magnitude en diferentes lugares con distintos niveles de vida ocasionan un moi diferente número de vítimas. Xapón, por exemplo, un país rico e situado nunha zona de moitos sismos, conta con casas e infraestruturas preparadas para soportar os terremotos, sendo así que é quen de aturar terremotos de importancia cunha relativa normalidade. Non é así cando a xente vive en casas mal construídas, con materiais de refugallo, sen apenas infra-estruturas... nesas condicións, as condicións de Sumatra, o terremoto xera incalculables perdas humanas e un deterioro moi considerable das condicións de vida dos que poden sobrevivir á traxedia. Se o mundo deixase de fabricar armas para preparar as guerras, bombas intelixentes, minas anti-persoa... e adicase eses recursos á solución dos problemas da fame, da pobreza, da marxinación... Pero iso non semella que poida suceder, así que nós, a sociedade civil, temos que ser os que poñamos todos os nosos esforzos en solucionar os problemas do mundo. Moitas persoas pequenas, en moitos lugares pequenos, facendo pequenas cousas poden cambiar o mundo. Por iso imos tentar paliar coa nosa AXUDA SOLIDARIA a miseria das xentes que conseguiron sobrevivir a este terremoto de Sumatra. En colaboración coa Cruz Vermella, que fará de intermediaria para levar a nosa achega solidaria aos afectados polo terremoto, lanzamos a nosa campaña UN EURO PARA SUMATRA. Trátase de que voluntariamente (a solidariedade non acepta ordes) vaiamos ao noso peto (non vale pedirllo aos pais, a solidariedade ten que ser persoal) e traiamos nesta semana un euro á clase. @s profesor@s recollerán as doacións que fagamos chegar, e cando se xunten todas as do colexio convocaremos aos representantes da cruz vermella do Barco e farémoslle chegar o noso aporte para que eles, mediante a Cruz Vermella Internacional faga chegar a nosa axuda ás vítimas da traxedia. Ilustración 1: Cada punto negro representa un terremoto. Fixádevos como se agrupan nos bordos das placas tectónicas.