INFORME DAS ACTIVIDADES REALIZADAS NO MARCO DO PROXECTO RÍOS NA UDC NOVEMBRO 2010 Oficina de Medio Ambiente Vicerreitoría de Infraestructuras e Xestión Ambiental
INFORME DAS ACTIVIDADES REALIZADAS NO MARCO DO PROXECTO RÍOS NA UDC
NOVEMBRO 2010
Oficina de Medio Ambiente Vicerreitoría de Infraestructuras e Xestión Ambiental
Índice
____________________________________________________________
INTRODUCIÓN
XORNADA FORMATIVA
Parte 1: Que é o Proxecto Ríos?
Parte 2: Metodoloxía de actuación
Parte 3: Exemplo práctico no río do Lagar
LIMPEZA DO RÍO
CONCLUSIÓNS
ACCIÓNS
1
INTRODUCIÓN
En novembro de 2010 o persoal bolseiro da Oficina de Medio Ambiente participamos nas
actividades propostas polo PROXECTO RÍOS da Asociación para a Defensa de Galiza baixo a
coordinación de Francisco Bañobre e consistentes en:
Xornadas formativas os días 12 e 24 de novembro
Limpeza do río Lagar de Elviña o 25 de novembro
que se completan coa elaboración deste informe.
Con anterioridade a tales actividades os bolseiros quedamos encargados da súa divulgación.
Concretamente elaboramos un cartaz e organizamos a súa pegada nos centros e a súa
divulgación polos medios electrónicos da UDC: blogues e webs dos centros. Alén diso,
fomentamos a participación do voluntariado na comunidade universitaria (boca a boca).
XORNADA FORMATIVA
Desenvolveuse en tres partes: introdución ao que é o Proxecto Ríos, a metodoloxía de
actuación e un exemplo práctico no río do Lagar.
Parte 1: Que é o Proxecto Ríos?
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en
defensa dos nosos ríos que nace do convenio de colaboración subcrito no ano 2004 por
ADEGA e a Associació Hábitats, que desde o ano 1999 desenvolvía un proxecto semellante en
territorio catalán, de aí que previamente se prevese a adaptación dos protocolos ás
características dos ríos galegos.
O Proxecto Ríos está aberto a calquera persoa ou colectivo que asuma o compromiso de
levalo adiante: asociacións de veciños, de pescadores, deportivas, culturais, sociais, centros
educativos, escolas de tempo libre, grupos familiares ou de amigos.... Fundaméntase na
realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos
voluntarios no plano local, co obxectivo final de facerse responsables da vixilancia
(adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.
Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano con base na metodoloxía e
materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cubrir as follas de
inspección. Unha vez recibidas estas na sede do Proxecto, elaboraranse informes anuais cos
datos subministrados por todas as persoas e colectivos participantes nas distintas campañas,
así como se recollerán nunha base de datos accesible na rede.
2
Posteriormente, os grupos que así o desexaren poden participar no Programa de Adopción
de Ríos con que se fan responsable, nalgunha medida, de velaren polo estado daqueles
treitos do río que escollan.
A nova Directiva marco da auga 2000/60/CE pon de manifesto a importancia da xestión e o
mantemento da calidade das masas de auga continentais. Neste contexto o labor que
desenvolve o Proxecto Ríos ten un especial interese, pois, para alén do proxecto en si,
procura a implicación da poboación nos seus obxectivos finais e o seu achegamento ao medio
natural co programa de adopción de ríos, cara a un ideal en que cada tramo de río galego
estivese adoptado, cartografiado e controlado na súa calidade e conservación.
Parte 2: Metodoloxía de actuación
En primeiro lugar cada grupo deberá elixir de entre os que aínda non están adoptados, o
tramo de río que quere adoptar, aproximadamente duns 500 metros, comunicarllo á
Asociación e recoller o material que esta facilita: unha guía de inspección, as fichas de
campo e outros materiais de análise, caso dos reactivos de análise química da auga.
En segundo lugar, na primeira visita o grupo deberá de elaborar un perfil do seu tramo de río
en que indique as súas características e do seu contorno. Un plano elaborado a man que
reflicta as especies arbóreas, o tamaño da canle, as construcións etc.
http://www.proxectorios.org/files/descargas/carpeta%20esquema%20do%20treito.pdf
En terceiro lugar, para realizar a mostraxe o grupo debe elixir un punto accesible do que tirar
una mostra de auga e outra de fauna.
A auga analizarase cos reactivos facilitados cofin de determinar os niveis de pH, os nitratos e
o osíxeno disolto. Ademais, realizaranse inspeccións oculares de transparencia, fluxo da
auga…
A microfauna do río determinarase a nivel de familia para establecer un índice de calidade.
Este índice baséase en que a presenza ou ausencia de determinadas familias é un indicador
do bo ou mal estado da saúde dun río e, en definitiva, da súa calidade e do impacto a que
está sometido.
A combinación destes parámetros permitirán ao grupo avaliar a saúde xeral deste treito de
río e plasmalo nos formularios estándar que entregará posteriormente á Asociación:
http://www.proxectorios.org/files/descargas/fichas%202010%20final.pdf
http://www.proxectorios.org/files/descargas/folla%20resumo%20formulario.doc
3
Parte 3: Exemplo práctico no río do Lagar
Tras a xornada saímos ao río que atravesa o campus de Elviña para poñer en práctica o
método.
Unha primeira inspección visual da contorna do río indica que está sometido a unha gran
presión humana. Repárese en que se trata dun río canalizado e axardinado cunha forte
poboación ao seu redor.
A análise físico‐química dunha mostra de auga indicou que estaba ben osixenada, en parte grazas a que as chuvias dos días anteriores aumentaron a caudal. Concretamente, a análise dos nitratos deu un resultado de entre 5mg/L, mentres que o seu pH é de 7.
Con respecto á mostraxe da (micro)fauna algunhas das familias que atopamos pertencían aogrupo dos crustáceos, planarias, tricópteros sen estoxo, gammáridos e odonatos (unha soa familia) entre outros. Do análise da fauna concluímos que o estado xeral era entre moderado e deficiente.
A valoración de todos estes parámetros permite cualificar o estado do río como de
“deficiente”.
LIMPEZA DO RÍO
O 25 de novembro partiuse do Edificio de Servizos Centrais de Investigacións Xerais da UDC debidamente equipados. Isto é, con calzado e roupa acaídos. Logo de recibirmos a explicación do protocolo de limpeza e da distribución de luvas e bolsas, iniciouse a recolla por parellas. Durante aproximadamente dúas horas retirouse todo o lixo atopado na canle do río e mais nos xardíns e nas súas papeleiras. Na posta en común posterior analizouse o lixo recollido: predominaban os papeis de
publicidade e os envases alimentarios, mais tamén había latas, bolsas de plástico, vidro e
materiais de refugallo procedentes de obras (sacos de cemento, madeiros con cravos...). En
total quince persoas conseguiron xuntar preto de cen quilos de residuos.
4
CONCLUSIÓNS
Pareceunos moi interesante o traballo que ADEGA está a desenvolver no marco do Proxecto
Ríos. Implicar a sociedade en actividades ambientais ten un beneficio directo para o medio
como para a sociedade: a concienciación é o paso previo que dá a cidadanía para a esixencia
do cumprimento de políticas ambientais por parte dos gobernos.
Por outra banda, a actividade de voluntariado ambiental realizado por ADEGA supón unha
posta en valor do patrimonio natural de Galicia.
As actividades de difusión previas deron os seus froitos e foi posible formar un grupo dunhas
15 persoas, algunhas delas voluntarias e alleas á OMA. Un número ideal para a actividade,
se se establecen como marxes de 10 a 20 persoas.
A nosa presenza limpando o río xerou curiosidade na comunidade universitaria. Quen
pasaba polo lugar preguntaba a que andabamos e amosou interese pola actividade. Esta é
outra forma de divulgación. Achegáronse tamén membros da prensa que redactaron
algunhas novas e tiraron algunhas fotos.
5
6
Como membros da comunidade universitaria, pareceunos bastante lamentable o estado do
río. Tendo en conta que no 2009 se realizara outra limpeza, 100 quilos son moitos para
acumularse nun ano. Isto foi en parte debido a unha mala práctica por parte dos operarios
das obras próximas e ás deficiencias do actual servizo de limpeza dos espazos exteriores dos
campus universitarios. Neste sentido, vimos de ser informados de que o servizo de
xardinaría do campus se atopa en fase de adxudicación dun novo concurso no cal se teñen
en conta estes aspectos, e no que tamén se incluíron criterios de sustentabilidade seguindo
as pautas de contratación ecolóxica.
Outro aspecto salientábel é a falta de concienciación entre a poboación en xeral, no que se
centrarán as propostas do grupo, reflectidas na seguinte epígrafe.
ACCIÓNS
Como accións complementarias ás actividades realizadas propoñemos a divulgación dos
resultados obtidos entre a comunidade universitaria a través doutras actividades educativas
ou artísticas a modo de exposición. Deste xeito todos saberán que o papel que eles tiran ao
chan súmase a aqueles que outras persoas tiraron antes.
A organización dunha xornada informativa do Proxecto Ríos para a comunidade universitaria
xeral: unha carpa na rotonda de Elviña por exemplo, na que poidan incluso concretarse
adopcións de tramos de río por parte de grupos de estudantes.