Acollendo en GALego Integración lingüística e cultural do alumnado de procedencia estranxeira Santiago de Compostela MUPEGA, 16 e 17 de novembro de 2012 Xornadas de formación para os equipos de dinamización da lingua galega A chegada de poboación inmigrante a Galicia nos últimos anos está provocando unha mudanza progresiva da realidade social que se manifesta tamén no ámbito escolar. Nos centros de ensino galegos pasamos dos case 12.000 alumnos de procedencia estranxeira matriculados no curso 2007-2008, aos 15.000 no 2011-2012, e son xa máis de cen nacionalidades diferentes as que están representadas nas nosas aulas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, sensible a esta nova realidade multicultural, promove a xornada formativa para os equipos de dinamización da lingua galega Acollendo en GALego. Integración lingüística e cultural do alumnado de procedencia estranxeira coa que pretende destacar o valor da lingua e a cultura galega como elemento clave no proceso de atención escolar e de integración lingüística do alumnado foráneo. Durante estes dous días poñeranse ao alcance de coordinadores, membros dos equipos de dinamización e outro profesorado interesado diversos relatorios, boas prácticas, actuacións positivas e materiais especialmente destinados a este alumnado estranxeiro. As iniciativas presentadas servirán de axuda aos/ás docentes para xestionar a diversidade lingüística e cultural nas nosas aulas e lograr que a inclusión escolar en lingua galega sexa verdadeiramente efectiva. En definitiva, o obxectivo principal de todos os que estamos implicados neste labor é que estes alumnos e alumnas cheguen a considerar a nosa lingua como propia da comunidade que os/ as acolle e como un signo de identidade cultural no que poden e deben participar, sen ter que renunciar á do seu país de orixe. Unha acollida con alicerces sustentada nunha dinámica real de interculturalidade da que, sen dúbida, nos enriqueceremos todos.