ALFREDO VICENTI Alfredo Vicenti Rey naceu en Santiago o 20 de novembro de 1.850. Estudou medicina e filosofía e adicouse dende mozo ao periodismo e á política. Xa era redactor xefe do Diario de Santiago en 1.872, e en 1.875 comeza a publicar “A orillas del Ulla” en El Heraldo Gallego, xornal ourensán dirixido por Lamas Carvajal. En 1.878 é director do Diario de Santiago e en 1.880 en El Globo, diario madrileño que logo dirixiría. Despois pasou a traballar en El Liberal do que foi director dende 1.907 ata a súa morte en 1.916, xornal sensible aos problemas de Galicia e, por suposto, ao agrarismo. Deste xeito Alfredo Vicenti achégase ao movemento agrario galego de principios de século; dende Madrid apoia campañas antiforais e en 1.910 participa en mitins agrarios en Galicia xunto con outros ilustres galegos. Foi tamén un dos líderes de “Acción Galega”, con Portela Valladares, distanciándose do radicalisomo de Basilio Álvarez.